Chegan os lombos a Vilarchán
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas atendeu a petición realizada durante a asemblea veciñal celebrada o pasado mes de novembro na parroquia de Vilarchán e esta semana os veciños puideron estrear un lombo ou badén redutor de velocidade para mellorar a seguridade viaria na zona.
Con esta actuación, o Concello insiste que se acentúa o carácter residencial da zona, pois tíñanse detectado situacións de risco na seguridade viaria dada a proximidade do parque infantil e a existencia dun importante tránsito peonil por esta zona. O goberno local encargou un informe á Policía Local, cuxo resultado foi favorable ás peticións veciñais.
Esta non é a única actuación de mellora das comunicacións. O goberno local tamén procedeu á limpeza das beiravías e ampliación da estrada que comunica con Contixe, segundo informou o alcalde, Andrés Díaz, a través dun comunicado despois de visitar a zona este mércores para comprobar os resultados das obras.
O Concello tamén anunciou este xoves que o parque infantil de Vilarchán quedou precintado ao terse detectado que o seu deterioro, produto de varios anos de abandono, facíao impracticable. Está formado por xogos con elementos metálicos e algúns de madeira e detectáronse elementos enferruxados e outros con lascas de madeira que producían riscos potenciais.
O Concello, que está a abordar un plan integral de mellora e modernización dos parques infantís do municipio, procederá á reparación nos próximos días.
Relacionadas:
-
As estradas de Ponte Caldelas estrean os lombos solicitados
Por Redacción |
-
A fonte de Vilarchán e a Casa do Pobo de Mirón, obras rematadas en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O estado dos parques infantís preocupa ao PP de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O parque infantil de Xustáns terá caucho e columpios novos
Por Redacción | Creada e actualizada