O Centro de Día de Cuntis, máis preto da súa apertura
Por Redacción
O Concello de Cuntis valorou positivamente a inclusión dunha partida nos orzamentos xerais da Xunta de Galicia para a apertura do Centro de Día.
Despois de varios anos de espera, coas instalacións pechadas, o goberno autonómico estableceu unha partida de 90.000 euros para a súa apertura en 2017.
Este asunto fora un dos puntos centrais tradados na reunión entre o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a concelleira de Servizos Sociais, Conchy Campos.
Ademais da actuación orzada pola Xunta, o Concello ten nestes momentos en licitación a obra para dotar de rede de sumidoiros e electricidade ao centro de día, ao que destinará 40.000 euros.
A obra atópase actuamente pendente de adxudicación co obxectivo de que os traballos se poidan completar durante o próximo mes de xaneiro.