A separación de pluviais e fecais poñerá fin ás inundacións na contorna da piscina de Baltar
Por Redacción
As concellerías de Servizos e Infraestruturas acometen estes días unha importante obra financiada con cargo ao Plan Concellos e que permitirá dotar á contorna da piscina municipal dunha rede separada de recollida de augas residuais e pluviais.
Ata o momento esta zona conta cun único colector de reducido diámetro cunha capacidade hidráulica insuficiente para o volume que recibe, entrando continuamente en carga e desbordando a través das arquetas ás que está conectado.
Cun orzamento de 56.752 euros, a empresa adxudicataria comezoy xa os traballos que permitirán poñer fin ás continuas inundacións que se rexistraban nesta contorna a través da construción de colectores separados.
Os traballos, que se prolongarán ata principios de xaneiro, consisten no movemento de terras para a apertura das gabias, na instalación dos colectores, os pozos de rexistro, as acometidas e as arquetas, así como a reposición do firme afectado polas obras.