O BNG denuncia que o xerente del CHOP compaxina o seu cargo con actividades privadas
Por Redacción
O BNG asegura que o xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Manuel González Álvarez, compaxina o seu cargo directivo no Hospital cunha empresa dedicada á venta de material variado ao por maior. Así o denuncia o portavoz de sanidade do BNG, Carlos Aymerich, que ven de rexistrar unha pregunta parlamentaria sobre estas supostas actividades empresariais.
Segundo sinala o deputado nacionalista, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) reflexa que José Manuel González constituíu o 23 de marzo de 2012 unha sociedade, Plan B Inversiones S.L., con domicilio social no seu propio enderezo particular, con capital inicial de 15.000 euros e dedicada a "actividades de intermediación en operacións con valores e outros activos".
Seu fillo, Manuel González Sanchidrián, "á sazón, secretario xeral de Novas Xeracións", destaca o BNG, figura como administrador e el como apoderado desta sociedade.
Non é esta a única inscrición rexistral na que aparece o xerente do CHOP, denuncia o BNG, xa que Plan B Inversiones aparece como accionista doutra empresa, Hipergardena Estrada S.L., dedicada ao "comercio ao por maior e menor de móbeis, casas e casetas prefabricadas, incluída a súa instalación e montaxe, de artigos propios de xardinaría, de aparatos electrodomésticos ou de ferraxaría".
"Con este obxecto social semella claro que a empresa do Sr. Álvarez González non se dedica á mera administración do seu patrimonio persoal e/ou familiar", afirma Aymerich na pregunta parlamentaria. E apunta que de confirmarse a súa vinculación a estas empresas, o xerente do CHOP "estaría incumprindo a lei ao incorrer en incompatibilidades co seu cargo".
Neste sentido, o BNG pregunta ao goberno galego se son coñecedores destas actividades mercantís, se as autorizou e, en todo caso, como se compadece esta actividade coas incompatibilidades recollidas no artigo 121.4 da Lei de Saúde de Galicia. E lembran que recentemente o conselleiro de Sanidade madrileño cesou ao xerente do Hospital Puerta de Hierro por exercer como secretario dunha mutua, sen a debida autorización.