Querido Rajoy: xa veñen os Reis e en Pontevedra pedímoslles un carril bici a Marín
Por Redacción
Os Reis Magos están a preparar xa os agasallos que levarán ás casas de todo o mundo o vindeiro 6 de xaneiro e a asociación Pedaladas non quere quedar atrás nas súas peticións. Recordan que cada ano a bicicleta é un dos agasallos estrela e véndense máis bicicletas que automóbiles, con máis dun millón ao ano.
A pesar de que cada vez hai máis ciclistas -en 2015 mellorou un 8,62% a facturación-, as administracións "non están a responder a esta nova necesidade", de aí que o colectivo se decidira a escribir cartas aos seus particulares 'Reis' coas súas peticións.
Os primeiros son o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e a presidenta do Congreso dos Deputados e ex ministra de Fomento, Ana Pastor. E a primeira demanda de Pedaladas é o carril bici de Pontevedra a Marín, unha promesa da campaña ás eleccións municipais de maio de 2015 que aínda non se materializou.
"Seguimos esperando mentres a administración arrisca a vida de quen quere usar unha bicicleta para a súa mobilidade", critica Pedaladas, que acaba de escribir sendas cartas a Rajoy e Pastor recordándolle á ex ministra a promesa que lle fixo en persoa á asociación asegurándolle que ía facer todo o posible por axilizar este paseo. Ao presidente do Goberno pídenlle que "se acorde da súa cidade" e que inclúa nos presupostos do ano 2017 a partida destinada á execución deste proxecto, que depende integramente da súa administración.
A nova campaña de Pedaladas céntrase no mes de decembro porque é o momento no que se pechan todos os orzamentos das administracións públicas. Dentro da iniciativa, van concertar citas cos alcaldes da comarca de Pontevedra, en concreto, Luis Poceiro, de Vilaboa; Luciano Sobral, de Poio; María Ramallo, de Marín; e Miguel Anxo Fernández Lores de Pontevedra. Nas reunións vanlles trasladar peticións que previamente se difundirán na súa páxina web.
Na ronda de reunións tamén van incluir a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. Para cada institución teñen catro ou cinco peticións que, na súa maioría, son promesas xa feitas nos últimos anos, pero que aínda non teñen proxectos nin licitación nin data de execución. O obxectivo é pedir contas a cada unha das administracións e animar a que neste 2017 si se fagan estes proxectos e "non se terminen noutra promesa electoral que un político non cumpre unha vez esgotado o seu mandato".
Relacionadas:
-
Búscanse activistas contra a violencia viaria
Por Redacción |
-
Propoñen vías ciclistas para enlazar Pontevedra con Marín, Combarro e con Ponte Sampaio, pola antiga vía do tren
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Pedaladas e Masa Crítica elaboran a súa propia proposta para un paseo peonil e ciclista Pontevedra-Marín
Por Redacción |
-
As Mareas de Pontevedra e Marín reclaman un carril bici entre Mollabao e Aguete
Por Oskar Viéitez & Daniel Santomé |