Salta un control de alcoholemia en Poio e acaba batendo contra un comercio
Por Redacción
A porta metálica dun establecemento comercial foi o punto final da temeraria fuxida que protagonizou un condutor que, minutos antes saltara un control de alcol e drogas que a Garda Civil estaba realizando en Poio.
Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, os feitos producíronse o pasado domingo 4 de decembro, ás sete e media da mañá, na estrada PO-308.
Ao chegar ao momento de control, o condutor desobedeceu os sinais luminosos coas que os axentes lle indicaban que detivese o vehículo e, tras aumentar a velocidade, deuse á fuga.
Os axentes tiveron mesmo que saltar cara ao outro carril da estrada para evitar ser atropelados polo todoterreo.
Durante a persecución, os axentes comprobaron como o dono do vehículo levaba unha condución "altamente temeraria" ao circular a gran velocidade e con "evidente" risco para os demais usuarios da estrada, segundo o relato do instituto armado.
A fuxida concluíu pouco despois cando o todoterreo saíu da vía e chocou contra a porta metálica dun establecemento comercial.
O condutor, que deu positivo en alcoholemia con 0.58 na primeira proba e 0.50 na segunda, foi denunciado por un delito contra a seguridade viaria e as dilixencias penais foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Pontevedra.