A Brilat colabora coas forzas afganas en dúas operacións que culminan coa morte de 35 insurxentes
Por Redacción
Forzas de seguridade nacional afganas (ANSF), apoiadas por efectivos españois e italianos, desenvolveron dúas operacións de cerco e busca contra a insurxencia nas provincias de Herat e Badghis. Nas dúas operacións interviñeron máis de 1.500 militares e policías, entre eles soldados da Brilat, que se atopan destinados nesta zona do país asiático.
As operacións, denominadas 'Naweed 5' e 'Nishtar 32', foron lideradas pola primeira e pola terceira brigada do 207 Corpo de Exército Nacional Afgano (ANA), respectivamente, ao noreste da provincia de Herat e no Val de Garmak, próximo a Ludina, na provincia de Badghis.
Como resultado dos enfrontamentos en ambas accións, producíronse 35 mortos e 38 feridos entre os insurxentes, con máis de 30 detencións. Ademais, produto dos rexistros efectuados, as forzas de seguridade afganas incautaron armamento diverso e varias motocicletas. As forzas do ANSF sufriron hostigamentos con armas lixeiras e artefactos explosivos improvisados (IED) que puideron ser desactivados.
As unidades das ANSF, instruídas por asesores españois segundo destaca o Ministerio de Defensa, "demostraron unha vez máis o seu alto grado de preparación e a súa capacidade autónoma para executar operacións". Forzas españolas mantivéronse en alerta durante os días de execución das dúas operacións para prestar apoio ás ANSF, aínda que finalmente non foi necesario.
En todo caso, desde Defensa aseguran que non se produciron baixas nin danos materiais nos efectivos españois que asesoraron ao ANSF no desenvolvemento das intervencións na provincia de Badghis.