O núcleo de centralidade de Salcedo, a cargo de EC Casas
Por Alejandro Espiño
A empresa EC Casas resultou adxudicataria das obras para executar o núcleo de centralidade parroquial de Salcedo. A súa foi, segundo o portavoz do goberno municipal, a mellor das ofertas presentadas. Asumirá estes traballos por 326.502 euros, algo máis de 70.000 euros por debaixo do prezo de licitación.
O proxecto recolle que a intervención enlaza varios equipamentos que constitúen nodos de centralidade en Salcedo, algúns tradicionais como son a igrexa, a reitoral e o cemiterio, xunto con outros de máis recente creación como a sede da comunidade de montes de Salcedo e o parque urbano anexo, e outros construídos recentemente, como o caso da Casa Verde.
Estes traballos suporán a mellora da accesibilidade, o calmado de trafico, a renovación dos acabados de urbanización e das instalacións de electricidade, alumeado e pluviais dos espazos públicos que se articulan en torno á sede da comunidade de montes, o parque público adxacente, o centro social e as dúas entradas do cemiterio.
Polo que respecta ao espazo perimetral ao parque público, transformarase o viario dende o carácter de estrada que posúe na actualidade a unha configuración de rúa con calmado de tráfico, coa creación de un itinerario accesible ao longo de toda a rúa. Tamén se reordenará o espazo para habilitar novas áreas zonas de estacionamento.
No espazo circundante ao centro social de nova construción crearase unha praza, cunha configuración que conecte co parque público actualmente existente, dándolle un espírito polivalente que permita un uso de auditorio ao aire libre, que complemente a funcionalidade actual. O acabado da praza estará realizado en lousa de formigón.
Na rúa, o tratamento será de bandas segregadas cunha distinción física de materiais entre os distintos usos, que irán desde o aglomerado asfáltico en cor para o carril de tráfico rodado á lousa de formigón branco pulido con árido de corindón para as beirarrúas, que estarán separadas do carril de tráfico por un bordo en pedra.
Os tráficos peonís terán, en todo caso, prioridade con respecto á circulación rodada.
Ademais, completarase a rede de sumidoiros, renovarase o alumeado público e instalarase a canalización do subministro de enerxía eléctrica. A empresa asumirá, como melloras ofertas, o soterramento da liña eléctrica, a instalación de bolardos extraíbles e o mantemento deste espazo durante tres anos.
OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno adxudicou tamén as obras de reforma da rúa Comboa, en Estribela, traballos con cargo á ARI do barrio que executará a empresa Oresa por 140.400 euros; e concedeuse unha prórroga á asociación Meniños para que siga á fronte do programa de intervención familiar, financiado con 90.000 euros.
Relacionadas:
-
O núcleo de centralidade de Salcedo empeza a tomar forma
Por Redacción |
-
Salcedo terá 43 lombos máis para calmar o tráfico na parroquia
Por Alejandro Espiño |
-
Salcedo quere ser un modelo en centralidade parroquial para o rural
Por Redacción |
-
Doce empresas galegas compiten pola construcción do Auditorio de Salcedo
Por Redacción |