Bueu estrea o novo espazo exterior do mercado
Por Oskar Viéitez
As persoas que venden excedentes da horta xa dispoñen dun espazo especificamente acondicionado no exterior da praza de abastos de Bueu, no que se instalaron unhas bancadas e unha cuberta para protexer contras as inclemencias do tempo e poñer orde e estética a este espazo que xa é un dos referentes da economía local bueuesa e dos produtos naturais e ecolóxicos.
Esta xoves, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, inaugurou esta obra acompañado de varios concelleiros ademais do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé.
As obras rematáronse este mércores a cargo da adxudicataria, a empresa Construcciones y Proyectos Abilleira S.L., quen presentara unha oferta de 22.919,01 euros. Nese orzamento contemplouse a instalación dunha cuberta, ademais dun soporte de bancadas, realizados en pedra tipo granito silvestre, e cunha base de listóns de madeira tropical, que servirán tamén de bancos cando non se celebre o mercado.
Durante a visita, Juncal aproveitou para destacar que o Concello asumirá en breve novas melloras a maiores tanto neste espazo como na propia praza de abastos. Tal é o caso da instalación dunha boca de rego na contorna para que así dispoñan de auga nese espazo ademais de dez luminarias.
Na praza de abastos, vaise rematar o lateral da claraboia e instalar unha escaleira de acceso á mesma, instalar un conduto extractor na cociña do segundo andar e ocultar os tubos que están visibles.
As obras contan cunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria de arredor do 70%.
DEMANDAS Á XUNTA
Aproveitando a vistita do delegado territorial da Xunta o alcalde, Félix Juncal, transmitiulle as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica, centradas especialmente na dinamización do comercio de proximidade.
Relacionadas:
-
Os alcaldes de Barro e O Grove trasladan a Cores Tourís as peticións á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
23.000 euros para "poñer orde e estética" no mercado tradicional de Bueu
Por Redacción |
-
O Concello de Bueu abre o prazo para a licitación das obras do mercado tradicional
Por Redacción |
-
Case 40.000 euros para mellorar a imaxe do Mercado de Abastos de Bueu
Por Redacción |