A Pontevedra da loita obreira represaliada no Franquismo entra pola porta grande da memoria
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
A Pontevedra obreira, sindicalista e agrarista represaliada durante o Franquismo e despois silenciada e esquecida durante décadas regresou agora pola porta grande da memoria da cidade. As familias de quen foron vítimas dos castigos fascistas por militar en sindicatos de clase recibiron este mércores unha emotiva homenaxe no Teatro Principal na que retornaron do silencio e recuperaron a voz que lles arrebataron durante 80 anos e, de paso, a dignidade e a xustiza que lles debía a historia.
As vítimas directas e indirectas desa represión que se perpetrou nos barrios e parroquias de Pontevedra contra traballadores do campo, do mar ou da construción e a súa loita sindical foron protagonistas do acto. Congregou a persoas achegadas a eses represaliados da Ditadura e a representantes de todos os partidos da corporación municipal e contou coa actuación musical da cantante Uxía Senlle e Sergio Tanus.
Conducida por Xiana Iglesias, a homenaxe recuperou a historia de dez mulleres vítimas da represión fascista, dúas a través de voces en off e o resto a través da voz doutras tantas actrices da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (Laura Pego, Teresa Lagos, Rocío Gómez, Pilar Boullosa, Begoña Díaz, Vanesa Moreira, Laura Rodríguez e Sara González) que leron textos rememorando as súas vivencias máis duras e contribuíndo a que os espectadores se meteran na pel desas mulleres que sufriron a represión e que foron as máis esquecidas de todas as derivadas do Golpe do 36.
A loita e o sufrimento teñen nomes propios e, para poñerllo a estas vítimas a miudo menos recoñecidas que outras de perfil máis político ou de clase alta, foi fundamental a colaboración da Escola Profesional de Banda Deseñada de Galicia O Garaxe Hermético. Mentres as actrices trasladaban aos presentes toda a dignidade desa clase obreira castigada e Uxía Senlle poñía a nota musical con textos de Rosalía de Castro ou Uxío Novoneyra, o historietista e ilustrador Kiko Dasilva e dous alumnos da Escola debuxaban en vivo un mural cos nomes de todos os homenaxeados.
Xiana Iglesias lembrou que esta homenaxe é un paso máis no traballo que leva facendo o Concello de Pontevedra desde 1999 para a recuperación da memoria histórica e, en especial, do realizado no marco do proxecto A Memoria das Mulleres, impulsado polo concelleiro de Patrimonio Histórico e deputado autonómico Luís Bará. É un acto de xustiza para recuperar esa "historia esquecida, pero que non queremos esquecer".
O alcalde de Ponteveda, Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa parte, destacou a necesidade de non esquecer á xente obreira de Pontevedra que loitaba no mar, na canteira ou no agro co mesmo folgo que logo empregaba no sindicato ou no partido "para que a clase alta fose soltando os privilexios que mataban de fame ás súas familias". "Esa loita perdérona pero non sería xusto condenalos tamén ao esquecemento", sostivo, ao tempo que recordou a "dignidade que nunca perderon" e agradeceu o traballo do historiador Xosé Álvarez Castro e a xornalista Montse Fajardo neste camiño para facer memoria.
Relacionadas:
-
Os acenos valentes de quen no 36 perdeu todo menos a dignidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Homenaxe á Pontevedra solidaria do 36 e o franquismo
Por Redacción |
-
Pontevedra homenaxea mariscadoras xubiladas no Pazo de Mugartegui
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
'Non des a esquecemento', relatos emocionais e éticos recollidos por Luís Bará sobre os silenciados
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un mural de nomes silenciados lucirá no Concello en memoria das familias represaliadas
Por Mónica Patxot |
-
RADIO.- O Concello ofrece unha homenaxe ás máis de 70 vítimas represaliadas de Salcedo
Por Marisa Ciordia |
-
A historia oculta de Mourente ve a luz en 'Mourente nos anos do medo'
Por Redacción |
-
O Teatro Principal, escenario de homenaxe ás vítimas silenciadas durante o franquismo
Por Redacción |
-
As voces de mulleres de familias represaliadas resoaron no CITA
Por Redacción |
-
Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no mes da memoria histórica
Por Mónica Patxot |
-
Dez autores recollen nun libro a "historia invisible" das mulleres de Pontevedra
Por Redacción |