UGT suspende de militancia ao seu líder en Vigo polas críticas publicadas en PontevedraViva
Por Oskar Viéitez
UGT suspendeu de militancia ao secretario xeral da unión comarcal do sindicato en Vigo, Antonio Juste, polas súas críticas ao reparto desigual de fondos na organización en Galicia. Será agora a Comisión de Garantías da central a que dirima sobre o caso o 14 de marzo.
A medida adoptada pola dirección do sindicato remóntase ao pasado mes de xaneiro, cando o líder sindical vigués criticaba os altos soldos do equipo directivo. Un escrito ao que tiveron acceso Faro de Vigo, El Pais e PontevedraViva.
Ademais, Antonio Juste esixía unha drástica reestructuración do sindicato en Galicia e concentrar en Vigo toda a dirección provincial da UGT. Na provincia de Pontevedra funcionan unións comarcales en Deza, Arousa e Pontevedra, que desaparecerían segundo esta proposta.
A publicación deste documento foi o que levou á Executiva Galega a solicitar á Executiva Confederal a suspensión de militancia de Juste, ao que acusan de filtrar a carta a estes medios de comunicación.