Preacordo no convenio de alimentación que afasta a posibilidade de folga
Por Diego Espiño
Sindicatos e patronal do comercio de alimetación da provincia chegaron a un principio de acordo na negociación do seu convenio colectivo, o que afasta a posibilidade de que se faga efectiva a folga convocada para os días 5 e 7 de decembro.
Tras unha reunión maratoniana, celebrada este martes no Hotel Bahía de Vigo e que concluíu de madrugada, ambas as partes pactaron un novo convenio que terá catro anos de vixencia, cun incremento salarial do 1% en 2016 e 2017 e do 1,50% en 2018 e 2019.
Ademais establécense 31 días de vacacións anuais, dos cales 16 deben ser gozados entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, con tres días de permiso por asuntos propios.
O texto recolle ademais 22 días por lactación e a opción de garda legal por cuidado de fillos ata os 14 anos.
Agora este preacordo debe ser ratificado en asemblea, que se celebrará este domingo 4, polos traballadores. De ser así a convocatoria de folga no comercio de alimentación quedaría sen efecto.