Controis máis duros na praza de abastos de cara á campaña de Nadal
Por Alejandro Espiño
Achéganse o nadal e, como é habitual, centos de pontevedreses acudirán nas próximas semanas á praza de abastos en busca dos ingredientes para as numerosas comidas e ceas que se celebran nestas datas. Por iso, o Concello decidiu endurecer os controis para que todo o produto que se vende no mercado sexa da máxima calidade.
O goberno municipal informou aos vendedores da praza que, a partir do 1 de decembro, intensificaranse as revisións en todos os postos. O obxectivo é comprobar que os profesionais cumpren co regulamento vixente, especialmente en canto á trazabilidade do produto.
Así, as autoridades lembran que as praceiras deben colocar o prezo -nun lugar visible para os clientes- de todos os produtos que teñan á venda, algo que xa se está cumprindo de forma maioritaria. Ademais, entre outras cuestións, están obrigadas a separar e identificar claramente o produto fresco do día daquel que procede de xornadas anteriores.
Estas inspeccións tamén revisarán os envases utilizados, as condicións nas que conservan os produtos almacenados, a atención ao cliente ou a correcta separación dos residuos que se xeran.
Os controis tamén vixiarán, segundo sinalan desde o Concello, que os usuarios cumpran coa normativa hixiénico-sanitaria que deben respectar todos os profesionais que traballan no mercado como a súa correcta indumentaria, a hixiene nos útiles de traballo, a documentación de orixe do produto ou a forma na que se expón o produto á venda.
A partir dos resultados que arroxen estas inspeccións, o goberno municipal se reserva a posibilidade de impoñer sancións económicas a todos aqueles vendedores que non cumpran con estas obrigacións.
Relacionadas:
-
Á segunda vai a vencida: aprobado o novo regulamento do mercado
Por Alejandro Espiño |
-
A primeira planta do mercado renovarase haxa ou non novo regulamento
Por Alejandro Espiño |
-
Como é o novo regulamento que se quere aprobar para o mercado?
Por Alejandro Espiño |
-
"Non hai ninguén que teña máis interese en que o mercado funcione que nós", din as praceiras
Por Alejandro Espiño |