Nove de cada dez "lombos" incumpren a normativa de Fomento... por suaves
Por Alejandro Espiño
Esa é a sorprendente conclusión dun informe técnico municipal. Dos 353 lombos que hai instalados nas rúas de Pontevedra, 322 (un 91%) non cumpren coa normativa do Ministerio de Fomento que regula as características deste tipo de reductores de velocidade. Non o fan por ser máis suaves. Outros sete incúmprena polo contrario: son demasiado altos.
Así o acredita o enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas, que nos últimos meses mediu todos os lombos de Pontevedra -a petición do goberno- para emitir un informe sobre a proposta de modificación da ordenanza municipal de circulación, acordada pola oposición e coa que se quere adaptar estes elementos á normativa estatal.
Os sete que superan o rango máximo da orde de Fomento que regula os lombos están situados na rúa Alemaña (tres), Rúa da Auga (dous), Gorgullón (un) e Antón Fraguas (un). Ademais, outros 24 teñen un rango similar ao que aconsella o ministerio para estes elementos.
O informe técnico sinala que hai 57 cruces con plataforma elevada, que quedan fóra da regulación estatal. Iso significa que dos 322 lombos que son máis baixos que o máximo que marca a normativa de Fomento, habería que corrixir 265 se se aproba a nova ordenanza de circulación en Pontevedra, segundo advertiu este luns o concelleiro Luís Bará.
Bará explicou que 212 deles, debido ás súas características, habería que "facelos de novo" ou modificar as beirarrúas e rebaixalas ata a cota do badén. Todo iso tería un custo aproximado dun millón de euros para as arcas municipais.
A este diñeiro habería que sumar os 651.000 euros que o goberno municipal calcula que custaría adaptar a sinalización horizontal dos lombos, xa que a pintura actual tampouco se adapta á normativa de Fomento; os 116.000 euros para rebaixar os que exceden o rango permitido e os 127.000 euros para cambiar os que incumpren tan só algún aspecto.
Eses case dous millóns de euros que habería que gastar serán o argumento ao que se agarrarán no goberno municipal para non aprobar a modificación da ordenanza de circulación. En todo caso, solicitarán tamén un informe de Intervención e un ditame do secretario do pleno sobre a legalidade desta iniciativa.
O PP ASEGURA QUE NON É RETROACTIVO
A pesar desta xustificación, desde o Partido Popular aseguran que Bará "no escucha o no entiende" o que lle trasladan os membros da oposición municipal. Jacobo Moreira asegura que esta normativa, no caso de aprobarse, afectará só aos lombos que se vaian a poñer nun futuro e que "no tiene efectos retroactivos".
"No habrá que rehacer todo lo que se ha hecho mal", reiterou Moreira, a pesar de que engadiu que "deberíamos hacerlo" pero non o pedirán porque "somos sensibles" e iso supoñería un notable gasto económico.
Os populares insisten na necesidade de que exista unha normativa municipal que regule a instalación destes elementos reductores de velocidade para impedir que sexan as empresas construtoras as que decidan as medidas que debe ter cada un dos lombos da cidade.
Relacionadas:
-
Freo á ordenanza 'antilombos': Sería un "retroceso importante" para Pontevedra, segundo o Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación instalará cerca de 600 redutores de tráfico nas estradas provinciais
Por Redacción |
-
Moreira cualifica de "cacicada" a dilación "premeditada" na ordenanza para regular os lombos
Por Alejandro Espiño |
-
Deseñan novos proxectos de calmado do tráfico para os colexios de Lérez, Salcedo e Lourizán
Por Oskar Viéitez |