Sancionan unha Policía Local por aparcar en carga e descarga e non pagar o enganche do guindastre
Por Alejandro Espiño
Quince días de suspensión de emprego e soldo. É a sanción que se lle impuxo a unha axente da Policía Local de Pontevedra. O motivo, aparcar o seu vehículo particular nunha zona de carga e descarga e, despois de que o guindastre enganchara o coche, facerse valer do seu cargo para eludir o pago da multa.
Esta actitude, segundo o expediente sancionador aberto polo Concello, constitúe un "abuso de atribucións", porque ademais a axente en cuestión pertence ás unidades de barrio, que teñen entre as súas atribucións prestar as súas funcións no guindastre municipal.
A axente sancionada aparcou o seu coche na rúa Pardo Bazán, nunha zona reservada para carga e descarga. Cando o guindastre enganchou o coche pediu ao condutor que, en lugar de levalo ao depósito de San Amaro, deixárao aparcado na avenida de Bos Aires.
No control diario que realiza este servizo non quedou constatado que a muller abonase o custo do enganche do guindastre, 115 euros. Esta conduta, conclúe o expediente sancionador, é unha falta "grave" polo que se resolve sancionala.
A axente admitiu os feitos, polo que tras non presentar recurso a sanción entrará en vigor o próximo 1 de decembro. Ademais, deberá pagar o enganche que non foi abonado no seu día.