Desaloxan 500 alumnos do colexio de Campolongo por unha alerta de incendio
Por Natalia Puga & Diego Espiño
Ao redor de 500 alumnos tiveron que ser desaloxados este luns do colexio de Campolongo por mor dun pequeno incendio iniciado no cuarto da caldeira. O lume quedou nun susto e o alumnado puido regresar ás aulas pouco máis de media hora despois, fóra de dúas clases que, por precaución, seguiron xogando no patio durante un tempo a maiores. O sistema de calefacción non se viu afectado e funciona correctamente.
Todo ocorreu sobre as 9.40 horas deste luns. Segundo informaron tanto os Bombeiros de Pontevedra como o propio colexio, un spray situado sobre a caldeira da calefacción explotou coa calor e a chama xerada prendeu nuns cartóns situados nas inmediacións. Non é habitual que no cuarto da caldeira haxa ese material depositado, pero eran restos das tarefas de mantemento que se realizaron nos últimos días.
Unha vez que detectaron o fume, os responsables do colexio activaron o plan de evacuación deseñado para estes casos. O director, José Manuel Sánchez Moure, indicou que nun minuto e 10 segundos todo o alumnado estaba fóra do colexio e no punto de encontro, un tempo récord que atribúe a que "os ensaios sen problemas serven para que despois cando hai problemas funcionen as cousas ben".
Algúns nenos e profesores estaban nerviosos, pero en realidade a alerta inicial foi máis aparatosa do verdadeiro alcance do incendio, pois o lume quedou apagado en moi poucos minutos utilizando un extintor e os bombeiros tan só tiveron que utilizar uns litros de auga para arrefriar a zona e realizar tarefas para limpar o fume. Nin sequera foi necesario mover as mangueiras do camión de bombeiros.
Ao redor das 10.10 horas o lume estaba extinguido e xa só quedaba fume no interior de dúas aulas. O director explicou que "non é tóxico, non hai problemas" e os bombeiros trasladáronlle que o alumnado podía estar xa no interior, pero "por precuación, por non molestar os nenos", optouse poro darlle os abrigos e que permanecesen xogando no patio un intre máis. "Teñen un recreo máis hoxe".