O comercio de alimentación, chamado á folga os días 5 e 7 de decembro
Por Diego Espiño
O bloqueo na negociación do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación na provincia, cuxa vixencia expirou en decembro de 2015, desembocou na convocatoria de dúas xornadas de folga.
As asembleas de traballadores celebradas este domingo en Pontevedra e Vigo aprobaron "por unanimidade" acudir á folga os días 5 e 7 de decembro, en plena ponte festiva.
Esta medida afectará a grandes grupos do sector como Froiz, Gadis ou Iberconsa (Hiperxel), ademais de a mercados de abastos e distintos autoservizos adheridos ao convenio provincial.
Están chamados a secundar a protesta entre 15.000 e 20.000 traballadores en toda a provincia.
"Hay una postura unánime de trabajadores y sindicatos que parte de mejorar las condiciones del convenio", recoñeceu Carlos Esperón, representante de UXT ao explicar que a negociación está actualmente "bloqueada" debido a que "tenemos un escollo importante que el el plus de antigüedad".
A mediación da Consellería de Traballo emprazou á patronal e aos sindicatos CCOO, CIG, UXT e USO a unha nova reunión para retomar as negociacións. Este encontro está previsto para este martes 29 de novembro en Vigo, pero a convocatoria de folga continuará o seu curso de maneira independente.