Cuntis establece axudas para fomentar a natalidade no municipio
Por Redacción
Como na maior parte de Galicia, a crise demográfica ameaza Cuntis, por iso o Concello decidiu convocar, por primeira vez, unha liña de axudas para fomentar a natalidade no municipio.
O goberno local destinará un máximo de 6.000 euros para estas axudas, ás que poderán acceder as familias empadroadas no municipio que tivesen un neno ou teñan adoptado entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro deste ano.
As axudas serán de 300 euros por neno, aínda que a contía incrementaríase ata os 500 euros en caso de nacemento ou adopción de nenos cunha discapacidade superior ao 33%. Tamén podería chegar a esta cifra en caso de tratarse de familias numerosas ou monoparentais.
Para acceder a esta liña de axudas os pais deben empadroarse en Cuntis polo menos 9 meses antes do parto ou adopción e comprometerse a permanecer no municipio polo menos dous anos. Ademais a renda da unidade familiar debe ser inferior aos 45.000 euros anuais.