Rescatado do Lérez tras facer un 'selfie', caerlle o móbil ao río e lanzarse a por el
Por Natalia Puga
Un mozo tivo que ser rescatado este venres do río Lérez tras acabar na auga cando tentaba recuperar o seu teléfono móbil. O aparello caera mentres tentaba facerse un selfie e, cando o viu na auga, tirouse tras el. Finalmente, foi trasladado á súa casa con síntomas de hipotermia, pero sen problemas maiores. E, iso si, co seu teléfono móbil.
Todo ocorreu sobre as 18.00 horas deste venres na zona da ponte do Burgo. O mozo, de 20 anos, estaba a tentar facerse unha foto situado sobre a ponte na confluencia coa avenida de Buenos Aires, unha zona na que o auga cobre moi pouco, de modo que non corría perigo aparente de afogarse e lanzouse á auga ao ver caer o móbil. Logrou recuperar o teléfono, pero non saír por si mesmo da auga.
Nese punto do Lérez había moito lodo, de modo que quedou atrapado e non lograba saír en por si da auga para volver á superficie. Unha axente da Policía Local fóra de servizo que pasaba pola zona e viu a escena pediu axuda. Inmediatamente desprazáronse ao lugar patrullas da Policía Local e do Corpo de Bombeiros de Pontevedra, pero xa non foi necesaria a súa intervención.
Nese momento pasaba polas inmediacións un axente da Policía Nacional fóra de servizo pasaba polas inmediacións nunha moto acuática e pedíronlle que o rescatase e o trasladase ao pantalán máis próximo. Alí saíulle ao encontro a Policía Local e prestoulle axuda.
Tamén se desprazou ao lugar unha ambulancia de soporte vital básico do 061, pero el rexeitou ser trasladado a un centro sanitario. Pasara moito frío e presentaba síntomas de hipotermia cando o acompañaron a casa.