Reunión "positiva" entre BNG e PP para negociar o orzamento municipal de 2017
Por Alejandro Espiño
Boa sintonía mostraron BNG e PP na reunión que ambos os partidos celebraron este xoves para tratar de pechar un acordo para aprobar os orzamentos municipais. Ambas as partes destacaron que este encontro, que durou preto de tres horas, foi "positivo" e quedaron emprazados para continuar coas negociacións.
Ao remate da reunión, o portavoz do PP, Jacobo Moreira, asegurou que os populares "pondremos toda la carne en el asador" para acordar co BNG o orzamento municipal para 2017 e explicou que "seguiré yendo a todas las reuniones que hagan falta", ao entender que o mellor para Pontevedra é chegar a un acordo.
Aínda que sinalou que é un "mal síntoma" que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, non acudise a este encontro porque "yo le pedí a él la reunión", Moreira reiterou que "todo lo que sea avanzar para lograr un acuerdo es positivo". Hai, subliñou, un "buen entendimiento" pero aclarou que "faltan por concretar cosas".
O portavoz popular, que estivo acompañado de César Abal, presentou ao equipo negociador do BNG, formado por Raimundo González e Carme da Silva, unha serie de propostas que queren incluír nos orzamentos, entre elas, unha posible baixada dalgúns impostos ou taxas municipais porque "hay margen" para iso, explicou.
"Esperemos que hagan un esfuerzo porque es importante para los ciudadanos", sinalou Jacobo Moreira, que espera que este venres o goberno municipal "nos pueda hacer una propuesta en este sentido".
Tamén desde o BNG agradeceron o ton "distendido e cordial" deste encontro co PP. O responsable de Facenda, Raimundo González, destacou a "boa actitude" dos populares, sobre todo porque afirmou que por ambas as partes "non houbo cerrazón" sobre ningún dos temas que se trataron.
"Estamos esperanzados de que se poida chegar a un acordo", explicou o concelleiro nacionalista, que recoñeceu que nunha próxima reunión o BNG exporá unha serie de propostas concretas para lograr que os concelleiros do PP, polo menos, se absteñan no pleno que debe aprobar os orzamentos do próximo ano.
Algúns deses asuntos "quedamos de estudalos" mentres que outros xa "quedaron claros" na mesa de negociación, pero en todo caso destacou que "a vía do diálogo seguirá aberta".
Relacionadas:
-
O PP lamenta o desinterese do goberno local por acadar un acordo para aprobar os orzamentos
Por Redacción |
-
"Non" do PP ao orzamento municipal: Moreira ve "insuficientes" as cesións do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O PP, disposto a absterse na votación do orzamento se Lores rebaixa os impostos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño |
-
Marea avanza o seu "non" ao orzamento municipal: "Son receitas que asumiría Donald Trump"
Por Alejandro Espiño |