Detido un ladrón reincidente polo roubo nun coche no recinto do colexio dos Praceres
Por Natalia Puga
Dúas semanas despois do roubo con forza que sorprendeu e alertou ao persoal do colexio Sagrado Corazón de Os Praceres, o ladrón foi detido. Fontes consultadas confirmaron que o presunto autor é un veciño de Pontevedra de 40 anos con antecedentes por delitos similares.
A detención produciuse ao mediodía deste martes 22 de novembro en Pontevedra e o roubo rexistrouse sobre as 9.30 horas da mañá do luns 7 de novembro no recinto do centro educativo, situado na parroquia pontevedresa de Lourizán.
Desde o centro chamaron aquel día á Comisaría alertando de que un vehículo entrara no recinto do colexio aproveitando que a porta estaba aberta para que accedese outro coche que si estaba autorizado e unha persoa baixou, achegouse a un vehículo que estaba estacionado, fracturou a fiestra e levou un bolso que estaba á vista no interior. A continuación, foise a toda velocidade por onde chegara.
O vehículo afectado resultou ser dunha empregada do centro e no bolso subtraído tiña numerosa documentación, tarxetas de crédito e 150 euros en efectivo.