O fiscal mantén a petición de 14 anos de cárcere para o acusado de violar a unha amiga da súa fillastra de 9 anos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, decidiu este xoves manter a acusación contra un home que esta semana se sentou no banco da Audiencia Provincial por presuntamente violar a unha amiga da súa fillastra cando tiña nove anos e foi ao seu domicilio para xogar. Elevou a definitivas as conclusións provisionais do seu escrito de acusación e pide que o procesado sexa condenado a 14 anos de prisión por un delito de agresión sexual.
O xuízo contra Ricardo, o seu nome de pila, comezou o martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial tras suspenderse no mes de xullo pola ausencia de testemuñas e este xoves retomouse cunha declaración pendente, a dunha muller que cando era unha nena asegura que foi vítima de comportamentos reprobables por parte do acusado que poderían ser constitutivos de abuso, aínda que non figura ningunha denuncia.
Tras a declaración desta testemuña por videoconferencia, todas as partes acudidas elevaron a definitivas as súas conclusións. No caso da defensa, sostén a inocencia do acusado e que tanto a presunta vítima como as dúas mozas que durante o xuízo aseguraron que sufriran abusos non se cinguían á verdade. "No es verdad", asegurou o procesado durante a súa declaración este martes ante o tribunal.
O fiscal, pola súa banda, considera que "no se ha probado nada" para desvirtuar a denuncia que deu lugar á acusación e, con todo, si existe unha "prueba de cargo" para manter a acusación contra el, a declaración da súa presunta vítima, que foi supostamente violada cando tiña nove anos, pero non denunciou ata nove anos despois, cando tivo coñecemento de que había máis posibles afectadas e quixo evitar que o procesado persistise nos seus comportamentos.
O fiscal considera que a versión da vítima ten total "verosimilitud". A pesar de que se considere que a vítima "puede ter animadversión" cara ao procesado, o represenante do ministerio público considera que non se desvirtúa a "credibilidade" do seu relato. Ademais, matiza que "desde luego, si a mí me hubiesen violado a los nueve años, también tendría" ese sentimento de rexeitamento cara ao seu presunto violador.
O xuízo quedou visto para sentenza na Sección Segunda da Audiencia cunha acusación só por esta violación e non polos presuntos abusos que sacaron á luz novas vítimas durante o xuízo.
Relacionadas:
-
Un xuízo por violación a unha nena de 9 anos saca á luz máis vítimas: "Eu sufrín acoso por parte desta persoa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden o xuízo por unha violación a unha nena de nove anos ao faltar varias testemuñas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A Fiscalía solicita 14 anos de prisión para un home acusado de violar unha rapaza de nove anos
Por Redacción |