Piden a Fomento que recupere a senda peonil de Pontesa
Por Redacción
Ante as obras que se están efectuando na estrada nacional N-550 entre Pontevedra e Vigo a asociación Salinas do Ulló-Vilaboa e a Asociación Heroes de Ponte Sampaio solicitaron ao Ministerio de Fomento que acondicione da antiga senda de paso que discorre pegada á empresa Pontesa na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.
Na solicitude remitida á Xefatura de Estradas do Estado sinalan que esta senda mide uns 400 metros que discorren entre a ponte sobre o río Ulló, que divide os concellos de Vilaboa e Pontevedra e a seguinte ponte que separa ao concello de Soutomaior da capital.
Estes colectivos estiman que a actuación tería un custo mínimo, tendo en conta que aínda se conserva parte da vella senda pola que transitaban os traballadores de Pontesa en dirección a Paredes. Ademais conta cun tramo arborizado, polo que a súa recuperación, ademais do uso peonil, supoñería a posta en valor dun legado de referencia para os antigos empregados da fábrica de cerámica, as súas familias e veciños da zona.
A senda peonil reivindicada servirá tamén para conectar o paseo marítimo de Arcade e o de Ponte Sampaio (Insuíña) coa zona de hoteis, bares e a estación de servizo de Paredes.
Finalmente estes colectivos lembran que esta actuación conta coa aprobación de Costas do Estado.
Relacionadas:
-
Fomento e colectivos cidadáns traballarán conxuntamente para recuperar a senda de Pontesa
Por Oskar Viéitez |
-
Piden unha senda ciclo-peonil na N-550 bordeando a fábrica de Pontesa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden a Costas a desafectación dos terreos que ocupa a nave de Pontesa
Por Redacción |