Arde parcialmente unha nave abandonada en Vilaboa, preto de vivendas
Por Redacción
Os Bombeiros do Morrazo lograron extinguir un lume que calcinou unha parte dunha fábrica abandonada en Figueirido, no Concello de Vilaboa.
Ao redor das 21.30 horas da noite deste mércores, varios particulares informaban do incendio ao Centro de Emerxencias do 112 Galicia. Indicaban que había un incendio a uns 30 metros dunhas casas, á beira do campo de fútbol.
De inmediato, desde o 112 pasouse aviso aos membros do Parque comarcal do Morrazo e aos axentes da Garda Civil e á Policía Autonómica. Ademais, alertouse ao servizo provincial de incendios.
Ao redor das 23.00 horas, os bombeiros do Morrazo confirmaban ao persoal do 112 Galicia que o lume se atopaba totalmente extinguido. Arderon tres estancias no interior da nave e toda a instalación viuse afectada polo fume.
Os Bombeiros de Pontevedra e os efectivos de Protección Civil de Vilaboa tamén foron informados da situación. Están a investigarse as causas que orixinaron o incendio.