Os "millennials" impulsan o consumo do albariño
Por Oskar Viéitez
Despois duns anos cunha forte caída do consumo de viño per cápita e o golpe sufrido logo pola crise económica, o sector vitivinícola das Rías Baixas observa con satisfacción como se acende unha luz de esperanza da man dos millennials, eses mozos que están hoxe entre os 25 e 35 anos e que colleron o gusto polo albariño.
Carmen Hernández, consumer insights manager de The Nielsen Company, presentou este mércores no Pazo de Mugartegui, sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas un estudo sobre as "Tendencias do consumo do viño con D.O. en hostalería".
Segun esta experta, os "millennials", mozos nados despois de 1980, están a cambiar a industria do viño e están a empezar a influír nas decisións das adegas, tamén nas pontevedresas.
Un "millennial" busca fundamentalmente o mellor, pero priorizando entre calidade e prezo, gústalle innovar e probar novas experiencias que deseguido transmitirá aos seus amigos en redes sociais. Neste sentido, Carmen Hernández apunta que "hay ciertas denominaciones que están funcionando muy bien como Rueda, Ribera del Duero y Rías Baixas".
Con todo, "en lo que tiene que trabajar Rías Baixas es en convertir a estos consumidores en habituales", sinalou.
RÍAS BAIXAS, OITAVA EN ESPAÑA
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas organizou este mércores unha xornada de presentación do "Informe anual do mercado de viños con D.O. Rías Baixas. Mercado español: canles de Alimentación e Hostalería", realizado por The Nielsen Company, no que se reflicte que Rías Baixas se sitúa no oitavo lugar entre as 69 denominacións de orixe de toda España.
A esta xornada, celebrada na sede do Consello Regulador no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, asistiron 34 profesionais do sector que pertencen a 24 adegas da denominación.
O director xeral do Consello, Ramón Huidobro, sinalou que a diversificación entre os mercados nacional e internacional é unha das claves do éxito dos viños de Rías Baixas, "acabamos de cerrar los datos de exportación de campaña y hemos tenido un crecimiento importante respecto al mismo período del año pasado", adiantou. Á espera de que se fagan públicos estes datos Huidobro confirmou que "seguimos teniendo esa fuerza de venta del 30% en mercado de exportación".
Huidobro valorou os datos do Informe Nielsen como "positivos, halagüeños y esperanzadores" polo feito de frear a tendencia de estabilidade que tiña Rías Baixas.
Segundo resumiu Ricardo Alcón, comercial manager de The Nielsen Company, o viño con denominación de orixe continúa a súa liña de crecemento, de forma que volve ampliar o seu protagonismo fronte aos viños sen indicación xeográfica. Esta consolidación da recuperación do mercado de viño, segundo explicou, é consecuencia principalmente do volume que se está xerando na hostalería.
Relacionadas:
-
Juan Gil de Araújo, reelixido como presidente da D.O. Rías Baixas
Por Redacción |
-
Tres de cada dez botellas de viño Rías Baixas véndense xa no estranxeiro
Por Redacción |
-
Éxito de exportacións da D.O. Rías Baixas, que mira con preocupación a Donald Trump
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Trump, presidente de Estados Unidos. Como afectará iso a Pontevedra?
Por Oskar Viéitez |
-
Cambados, elixida Cidade Europea do Viño 2017
Por Oskar Viéitez |