Acepta dous anos de prisión por estafar a financieiras para conseguir coches e non pagalos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Vivencio R.O. aceptou este martes cumprir dous anos de prisión como autor dun delito continuado de estafa en concurso con outro de falsidade en documento privado por presuntamente idear un plan para conseguir cinco vehículos sen abonalos a catro entidades financeiras diferentes.
O home sentou no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra e recoñeceu os feitos que lle atribúe a Fiscalía, á vez que asumiu a pena de prisión, o pago dunha multa de sete meses a razón de tres euros diarios e abonar unha indemnización ás entidades ás que estafou.
A Audiencia ditará sentenza condenatoria nos termos que el aceptou e, dado que a pena de prisión coa que será condenado coa súa conformidade é inferior a dous anos, a fiscal do caso, Rosalina Carrera, mostrouse favorable a que se lle suspenda a pena a condición de que pague as indemnizacións impostas.
A Fiscalía da Audiencia Provincial pedía inicialmente que o home fose condenado a catro anos de prisión e unha multa de 4.500 euros (10 meses cunha cota diaria de 15 euros), pero rebaixou a súa petición tras alcanzar un acordo co acusado. Non rebaixou o importe das indemnizacións ás súas vítimas polas cantidades que deixaron de percibir polas operacións de compravenda: 20.146,68 a Santander Consumer SA; 54.955,74 a Volkwagen Finance SA; 23.885 a RCI Banque; e 27.389,88 euros a Finconsum SA.
O escrito de acusación co que se conformou Vivencio recolle que tan só actuou só nun dos cinco casos e nos outros catro valeuse dunha persoa declarada rebelde e, por tanto, non citada para este procedemento, J.J.A.L.. Segundo sostén o fiscal, seguindo o plan establecido, a outra persoa non localizada solicitaba o financiamento dos vehículos adquiridos achegando nóminas que foran alteradas.
O acusado conseguiu cinco vehículos a motor sen abonalos en prexuízo das entidades financeiras en febreiro, abril e maio do ano 2015 en concesionarios de Vilaboa, a parroquia pontevedresa de Mourente e Vigo. En concreto, fíxose desta forma cun Peugeot, un Volkswagen Golf, un Volkswagen Tiguan, un Renault Megane e un Honda.