Marea Pontevedra pide a retirada da Cruz dos Caídos
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal de Marea Pontevedra pediu no Pleno celebrado este luns a retirada da Cruz dos Caídos ubicada ao final da avenida de Montero Ríos.
En concreto foi nunha petición dirixida ao concelleiro César Mosquera do grupo de goberno do BNG, na que lle instan a que o orzamento de 2017 inclúa unha partida para a retirada da Cruz dos Caídos.
O portavoz de Marea Pontevedra, Luís Rei, lembrou que o concello cedeulle en agosto de 1941 á Falange Española Tradicionalista y de las JONS o terreo ao final da avenida de Montero Ríos para unha construción, di a acta, que "perpetúe el recuerdo de los héroes que sucumbieron en defensa de los santos ideales de religión y patria en la gesta heroica de nuestra liberación".
Segundo Luis Rei, ese mesmo ano, un chuviñento domingo de decembro, celebrouse a solemne inauguración e a prensa recollía a alocución íntegra do jefe provincial del Movimiento. Dixo: "Saludo cordialmente a los representantes del Fascio italiano y del Partido Nazi alemán... pertenecientes a movimientos que aspiran, como nosotros, a una justicia social".
En 1985 construíuse un aparcadoiro soterrado, hai que desmontar a cruz, e un alcalde "moderadamente antifranquista amaga, con razón, con non restituíla", dixo Luis Rei, "pero bate cunha campaña orquestrada pola caverna local".
Segundo o voceiro de Marea, a aquel alcalde "éntralle o pánico e opta por tunear a cruz, que pasa a ser o "Monumento ao soldado descoñecido", aínda que non resulta tan descoñecido". Custa 16 millóns de pesetas, máis catro e medio da baranda e un e medio da iluminación. Ten 16 metros de altura e é, fóra da do Valle de los Caídos, a cruz máis alta de España.
O monumento pesa 60 toneladas e un edil dun goberno posterior anuncia, con motivo doutras obras para reforzar o aparcadoiro, o propósito de retirala. Luis Rei segue tirando de hemeroteca, é o ano 2001 e di na prensa ese concelleiro: "Barállanse dúas alternativas, levantar toda a base do monumento sen tocar a estrutura de formigón ou desmontalo todo, sen garantía de poder reinstalar a cruz polo seu gran peso". O edil era Cesár Mosquera.