Poio cre que a Xunta atopou a "escusa perfecta" para non facer a senda da PO-308 en Covelo
Por Oskar Viéitez
O goberno local do Concello de Poio, formado polo BNG e o Partido Socialista, cre que a Consellería de Infraestruturas atopou a "escusa perfecta" para non cumprir co seu compromiso de construír unha senda peonil na estrada PO-308, en Covelo.
As alarmas saltaron no goberno municipal despois da reunión mantida na Delegación Territorial da Xunta na capital da provincia, entre o xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda de Pontevedra, José Luis Díez, e os representantes veciñais de Samieira e Raxó.
Naquel encontro anunciouse que a Xunta de Galicia ten practicamente ultimado o proxecto e que só faltaba que o concello informase da dispoñibilidade dos terreos para executar a obra, "a expensas do que diga o goberno local nesa reunión, a Consellería valorará as posibilidades que existan para poder continuar coa tramitación da obra", sinalaron.
Aos concelleiros Chelo Besada e Xulio Barreiro non lles gustou nada este último condicionante xa que aseguran que no Concello de Poio "fixemos todos os deberes".
Segundo explicaron en rolda de prensa, mantivéronse reunións con todos os propietarios afectados e hai algúns que están dispostos a ceder gratuitamente parte dos seus terreos, pero outros non e esixen que se acuda á expropiación, especialmente na zona de Laño. "É lóxico, non vale o mesmo unha veiga de millo que un garaxe ou unha terraza", sinalou Xulio Barreiro.
O Concello só tiña que informar os veciños deste proxecto e iniciar unha negociación para que cedesen os terreos gratuitamente sen adquirir ningún compromiso a maiores, segundo recalcou Chelo Besada. A tenente de alcalde explicou que a consellería xa contaba coa posibilidade que acudir á expropiación, o que atrasaría o proxecto uns sete meses, segundo estimaban.
Á espera de que a Consellería de Infraestruturas convoque ao Concello de Poio a esa reunión para abordar este proxecto, desde o goberno local xa advirten que non sería a primeira ocasión na que a Xunta "bota as culpas ao Concello" para non acometer unha obra con motivo da posta a disposición dos terreos e citaron os exemplos dos portos de Covelo ou Raxó ou a estrada de Armenteira.