Primeiros pasos de Poio para sumarse á administración electrónica
Por Redacción
O Concello de Poio está decidido a avanzar na implantación da administración electrónica no municipio. A maiores da obriga legal, o goberno municipal asegura que está a facer un esforzo "considerable" por adaptar o seu funcionamento ás novas tecnoloxías.
Un dos primeiros pasos, xa realizado, foi o establecemento dunha telefonía dixital xa definitiva que centraliza o número de todas as dependencias do Concello no 986 770001.
Desde aí, poderán conectar con todos os locais do concello: Casa Rosada, Protección Civil, instalacións deportivas, o almacén da Seca, o Centro Xaime Illa, a Aula Cemit, as oficinas de turismo, a biblioteca de Campelo, o Casal de Ferreirós e a Casa Consistorial.
Esta actuación foi posible grazas ao subministro de fibra óptica na Casa Consistorial e noutras dependencias e que enlaza os diferentes locais do concello internamente, permitindo que a cidadanía poida contactar con calquera servizo, ben a través de operadora ou ben con coñecemento directo da extensión.
Esta mellora de infraestruturas complétase na actualidade coa instalación en todos os postos administrativos de cableado apropiado que conflúe en servidores de datos propios.
O traballo continúa e, agora, o goberno municipal, ten como obxectivo "inminente" a posta a disposición dos veciños da sede electrónica do Concello de Poio para a realización de trámites con identificación electrónica.
Neste sentido, o Concello xa estableceu unha oficina de rexistro que permita levar a cabo as xestións e tarefas relativas aos certificados dixitais, como a obtención, renovación ou revogación dos mesmos.
Este tipo de oficinas implántanse na modalidade de xestión de certificados utilizados polas administración públicas e os seus empregados, agardando poder ampliar este servizo coa xestións de certificados para os cidadáns unha vez estea operativa ao 100% a sede electrónica municipal, baixo o dominio sede.concellopoio.gal.
Relacionadas:
-
Carmela Silva presume de administración electrónica ante outras deputacións
Por Redacción |
-
Portas estreará a administración electrónica o 9 de febreiro
Por Redacción |
-
O Concello de Poio dótase dun manual de uso da súa nova identidade corporativa
Por Redacción |
-
A administración electrónica dos pequeños concellos 'vai a conta' da Deputación
Por Redacción |