As praceiras piden paralizar a aprobación do novo regulamento do mercado
Por Alejandro Espiño
O novo regulamento baixo o que operará a praza de abastos de Pontevedra parece non ser do agrado dos praceiros e praceiras do mercado. Aseguran que non ven "reflectidos" na modificación que prevé aprobar o goberno municipal no pleno do próximo luns. Por iso, piden que se retire da orde do día desta sesión plenaria.
Nun escrito que asinan Manuela Domínguez e Mari Carmen Santos, responsables das dúas asociacións de vendedores que hai na praza, os concesionarios dos postos da praza reclaman que se inicie de novo o proceso e se faga a través dunha mesa de traballo co propio sector.
As representantes destes profesionais esperan que, tras a suspensión da aprobación do novo regulamento, se convoque unha comisión de Réxime Interior á que poidan acudir os portavoces deste colectivo e se abra un proceso "participativo" no que se liquiden os "medos" e as "dúbidas razoables" que lles xera a nova normativa.
A pesar de recoñecer que durante o proceso de tramitación do novo regulamento podían presentar alegacións, esperan que o Concello recapacite e abra con elas unha negociación para desenvolver unha normativa "real, profesional e de futuro".
Con todo, o concelleiro responsable de Mercados, Vicente García Legísima, xa avanzou que o BNG non retirará a aprobación do regulamento da orde do día do pleno. Entende que o documento foi entregado no seu día ás dúas asociacións profesionais da praza e que estas fixeron as súas propias achegas, moitas delas recollidas na normativa final.
Ademais, lembrou que a instalación é municipal e o Concello ten total autonomía para aprobar o regulamento que rexa o seu uso.
O Concello, segundo Legísima, non renunciará a converter o mercado nun espazo gastronómico sustentable, para o que remodelará por completo a primeira planta das instalacións para abrila a novos usos que, en todo caso, non entrarán en colisión coa venda de produtos frescos, que seguirá sendo a actividade principal do mercado de abastos.
Relacionadas:
-
Como é o novo regulamento que se quere aprobar para o mercado?
Por Alejandro Espiño |
-
"Non hai ninguén que teña máis interese en que o mercado funcione que nós", din as praceiras
Por Alejandro Espiño |
-
Os plenos, ao venres?
Por Alejandro Espiño |
-
O mercado municipal converterase nun espazo gastronómico sostible
Por Alejandro Espiño |