O PP acusa ao Concello de non facer nada para recuperar a fachada marítima da ría de Arousa
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Sanxenxo critica que, despois de 18 meses de mandato, o goberno local "non moveu nin un só dedo para recuperar a fachada marítima da ría de Arousa".
Consideran os populares que este "incumprimento dos seus compromisos" débese a que o "obxectivo prioritario" do tripartito é "manterse no goberno".
O PP interésase por saber se se fixeron xestións co Ministerio de Medio Ambiente ou coa Delegación de Costas en Pontevedra ou coa Xunta, e asegura que os veciños de Vilalonga e Noalla "observan con envexa como a franxa costeira de Meaño e Cambados si que se coida e mesmo dispón dunha ruta de sendeirismo".
Para a formación liderada por Telmo Martín resulta aínda "máis grave" que o Concello de Sanxenxo "tampouco é capaz de mantelo limpo", e citan como exemplo as zonas da Revolta en Noalla, Arnosa e Fianteira en Vilalonga.
Finalmente acusan os xestores municipais de ser incapaces de poñer en valor o turismo ornitolóxico que tanto tirón ten entre ingleses e alemáns.