A xuízo por estafar a financeiras para conseguir coches en Mourente, Vilaboa e Vigo e non pagalos
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro martes 22 de novembro a un pontevedrés ao que a Fiscalía acusa dun delito continuado de estafa en concurso con outro de falsidade en documento privado por presuntamente idear un plan para conseguir cinco vehículos sen abonalos a catro entidades financeiras diferentes.
A Fiscalía da Audiencia Provincial pide que o home sexa condenado a catro anos de prisión, unha multa de 4.500 euros (10 meses cunha cota diaria de 15 euros) e o pago de indemnizacións ás súas vítimas polas cantidades que deixaron de percibir polas operacións de compravenda: 20.146,68 a Santander Consumer SA; 54.955,74 a Volkwagen Finance SA; 23.885 a RCI Banque; e 27.389,88 euros a Finconsum SA.
O fiscal sostén no seu escrito de acusación que o procesado, V.R.O., tan só actuou só nun dos cinco casos que se revisará no xuízo e nos outros catro valeuse dunha persoa declarada rebelde e, por tanto, non citada para este procedemento, JJ.A.L.. Segundo sostén o fiscal, seguindo o plan establecido, a outra persoa non localizada solicitaba o financiamento dos vehículos adquiridos achegando nóminas que foran alteradas.
O acusado conseguiu cinco vehículos a motor sen abonalos en prexuízo das entidades financeiras en febreiro, abril e maio do ano 2015 en concesionarios de Vilaboa, a parroquia pontevedresa de Mourente e Vigo. En concreto, fíxose desta forma cun Peugeot, un Volkswagen Golf, un Volkswagen Tiguan, un Renault Megane e un Honda.