A canceira de Poio estrea novas casetas
Por Redacción
Grazas á colaboración desinteresada de varias persoas que apoian a asociación "Amigos da Canceira de Poio", foi posible a construcción de catro casetas de madeira para facer máis levadeira a estancia dos cans que agardan unha adopción.
O labor levado a cabo por estas persoas conseguiu a implicación de moitos colectivos neste proxecto, desde a doazón dos materiais, ata a construción das casetas polos profesores e alumnos do ciclo da Madeira, Moble e Cortiza do C.I.F.P de A Xunqueira, que foron doadas á canceira de Poio nun pequeno acto de agradecemento por parte do Concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Anxo Lodeiro, e esta asociación.
O Concello e a Asociación agradecen a todos os que colaboraron e se implicaron nesta iniciativa de forma desinteresada, e aproveitan para recordar que o fin principal da canceira é promover a adopción responsable de animais abandoados.
Por iso, fan un chamamento a todas aquelas persoas que queiran adquirir un can a que se poñan en contacto coa asociación a través do teléfono 620.146.033 ou a través do mail adoptacanceiradepoio@gmail.com, e que consideren a adopción antes da compra dun can.