Localizan tres furtivos cazando de noite nas inmediacións do cemiterio de Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra localizou este xoves tres cazadores furtivos nas inmediacións do cemiterio de Santa Cristina de Cobres, no termo municipal de Vilaboa.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os tres cazadores, dous deles veciños de Vilaboa e o outro con domicilio no municipio de Pontevedra, foron interceptados ás dez da noite por unha patrulla de seguridade cidadá cando circulaban nun vehículo todo terreo. No interior do vehículo a Garda Civil localizou unha carabina do calibre 22, depositada no chan entre a porta e o asento dianteiro dereito.
A arma estaba ao alcance da man do acompañante que ocupaba o asento dianteiro e disposta para disparar, cunha bala na recámara e cinco máis no cargador. A carabina tiña axustada, ademais, un silenciador e unha mira telescópica.
No interior do vehículo e como elemento complementario para facilitar o exercicio da caza en horas nocturnas, levaban unha lanterna de gran potencia conectada co sistema eléctrico do vehículo. No capó incautouse un coello que abateran recentemente.
Á vista de todas estas circunstancias que evidencian un exercicio ilexítimo da caza, tanto polos medios utilizados, como pola hora e o lugar onde supostamente estábase levando a cabo, a Garda Civil denunciou os tres ocupantes do vehículo por dúas infraccións moi graves á Lei de Caza, unha delas por utilizar fontes artificiais de luz e a outra por facelo cunha arma con dispositivos auxiliares non autorizados (silenciador e mira telescópica) e unha terceira infracción grave por cazar durante a noite.
A Lei de Caza de Galicia prevé sancións económicas de 600 a 6.000 euros para as infraccións graves e de 6.000 a 30.000 para as moi graves. Sen prexuízo destas denuncias administrativas, cuxa responsabilidade sancionadora corresponde á Xunta de Galicia, a Garda Civil iniciará tamén os correspondentes expedientes de revogación das licenzas de armas das que son titulares estas persoas.
Así mesmo, a Garda Civil investiga penalmente ao ocupante do vehículo, que dixo ser responsable da arma, por un suposto delito de tenencia de armas prohibidas, que é a consideración que adquire a carabina desde o momento no que se lle axustou o silenciador.