Testemuñas e forenses achegan máis controversia ao xuízo por unha violación en Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A segunda e última xornada do xuízo contra Babacar M. como presunto autor dunha violación nas galerías Sol de Marín no ano 2014 achegou aínda máis controversia ao caso, incluíndo probas e testemuños que separan as versións achegadas polo acusado e a supostas vítima. Na primeira sesión da vista na Audiencia Provincial de Pontevedra ambos mantiveron versións contraditorias sobre o ocorrido, ao asegurar el que esa noite mantivera relacións consentidas coa moza e ela que todo fora á forza e con grandes doses de violencia.
Terminada a segunda xornada do xuízo, a fiscal do caso ratificou a súa acusación contra Babacar M. por un delito de violación polo que pide que sexa condenado a sete anos de prisión e engadiu que o acusado indemnice á súa vítima polos cinco días que tardou en curarse. Ademais, pediu ao tribunal da Sección Segunda que sancione a unha testemuña amiga da vítima "por non colaboración coa administración de xustiza" porque foi citada en dúas ocasións e non compareceu ningunha.
Os forenses e xinecólogos que examinaron á moza tras pedir axuda esa noite e presentar denuncia policial tampouco se mostraron contundentes nas súas conclusións. Unha especialista en ginecología indicou que tiña a zona arroibada e inchada, pero non presentaba lesións vaginales internas. Esta situación é compatible cunha violación, pero tamén con relacións sexuais consentidas. De feito, segundo asegurou, "no hay datos en la exploración que digan que la relación fue consentida o no".
Os forenses que realizaron o informe sobre o resto das lesións que presentaba a denunciante tampouco achegaron unha resolución concluínte. Aseguran que "relación sexual hubo" e "fuerza hubo" e "puede ser que hubiese agresión sexual, pero no es la única explicación posible" ás lesións que presentaba. A hipótese da violación "es compatible con lo que ella dice, pero no es la única explicación".
Os especialistas falan tanto das lesións a nivel xinecolóxico como do resto de feridas que presentaba polas mans, as pernas ou as costas. Segundo indican, "todas las lesiones con compatibles con una caída por las escaleras, menos las de los muslos". Na cara anterior das coxas presntaba erosións e contusións que non se fixo en ningún caso ao caerse, pero que, de todos os xeitos, tamén "pueden ser por apretar" ou porque as relacións sexuais mantivéronas nun lugar incómodo no que era necesario "agarrarla fuerte" para que non caese.
Estes especialistas tamén confirmaron que baixo as uñas da vítima atoparon sangue de dous perfís xenéticos distintos que se corresponden con dous homes. Un deles era o acusado, o que é compatible con que a moza defendésese do seu agresor. Outro forense que declarou por videoconferencia engadiu que as lesións "no implican violación per se".
A suposta vítima asegurou que non coñecía previamente ao seu agresor e que non estivera con el nin esa noite antes da o violación nin no pasado. Con todo, tres testemuñas que compareceron este xoves ante a Sección Segunda da Audiencia aseguraron que si se coñecían. Unha muller mesmo relatou que esa noite os viu bicándose nun bar de Marín e que, de feito, está segura e lémbrao perfectamente porque "no sabía que estaban juntos" e sorprendeuse ao verlles intimando e xogando xuntos ao futbolín.
Un mozo do que a moza asegurou que pasou a poucos metros deles cando empezou a violala negou que esa noite presenciase tal escena, pero tamén el asegura que os viu xuntos nun bar de Marín horas antes xogando ao futbolín. Outra testemuña acreditou que "por lo que dicen, sí se conocían".
Relacionadas:
-
Condenado a 7 anos de prisión un veciño de Marín por unha violación cometida nas galerías Sol
Por Oskar Viéitez |
-
O acusado de violar unha moza en Marín sostén que foron relacións consentidas e ela reitera a súa acusación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Piden sete anos de cárcere para o presunto autor dunha violación en Marín
Por Redacción |
-
O xuíz decreta o ingreso de prisión do detido por unha presunta agresión sexual en Marín
Por Natalia Puga | Creada e actualizada