Saen á rúa en defensa das pensións públicas
Por Oskar Viéitez
O Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG saiu este xoves á rúa na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional. Con tal motivo, este 17 de novembro concentráronse diante das oficinas da Seguridade Social na rúa Gagos de Mendoza en Pontevedra.
Dende este colectivo sinalan que nos últimos meses estanse a escoitar todo tipo de informacións sobre a viabilidade futura do sistema público de pensións, sobre a capacidade para pagar aos pensionistas actuais nos próximos anos ou incluso sobre a posibilidade de manter as pagas extraordinarias. Dende a CIG cren que os que argumentan isto pretenden "xustificar o desmantelamento do sistema público das pensións para favorecer os plans privados".
Engaden que as sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.
A pensión media en Galicia, 15 puntos por debaixo da media estatal. Na nosa comunidade unha de cada catro mulleres maiores de 65 anos está baixo a liña da pobreza.
A última reforma das pensións elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras.
Por todo iso conclúen que é necesaria a mobilización para que se derroguen todas estas políticas e reformas.
Relacionadas:
-
A CIG volve á rúa para reivindicar que as pensións se revaloricen conforme ao IPC
Por Redacción |
-
O colectivo de pensionistas da CIG demanda que se revaloricen as pensións
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A CIG freta autobuses para manifestarse en Santiago en defensa das pensións
Por Natalia Puga |
-
RADIO.- "Hai alternativas para garantir as pensións. A política do medo non é válida"
Por Marisa Ciordia |
-
Os pensionistas sairán á rúa en defensa das súas pagas e dos seus dereitos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |