Carmela Silva amosa a súa disposición para dirixir a xestora do Partido Socialista
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou a súa dispoñibilidade para ser a nova presidenta da xestora do Partido Socialista de Galicia asegurando que "eu nunca lle vou a negar ao Partido Socialista nada que me pida".
Ante a insistencia dos medios de comunicación, Carmela Silva, saíu do Pazo Provincial para atender ás preguntas dos xornalistas sobre cuestións orgánicas do seu partido. En concreto, sobre a proposta do denominado sector crítico que lidera o alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que Ferraz retire á actual dirección galega do partido, relevando a Pilar Cancela e creando unha nova dirección provisional dos socialistas en Galicia que encabezaría Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde en Vigo, insistiu en que "non teño ningunha confirmación de que iso sexa así", e reiterou que esa decisión "non ten nada que ver comigo, é Ferraz quen terá que tomar a decisión" aínda que admitiu que "o espírito do plantexamento compártoo".
Carmela Silva lembrou que leva moito tempo defendendo que o PSdeG é "fundamental para a cohesión de Galicia", polo que cre que é necesario "que rompa coa interinidade e coa falta de proxecto, de discurso, de acción" relevando á actual xestora "que nos levou aos peores resultados da historia".
A mandataria socialista considera que "se finalmente hai ese cambio" a nova xestora "debe facer un gran esforzo de integración" e para iso "é preciso comezar a patear este país", para que "todos os sectores" do Partido Socialista estean representados.
Carmela Silva reiterou que "aínda que sexan responsabilidades que a unha poden gustarlle máis ou menos" ela está disposta xa que "eu nunca lle vou a negar ao Partido Socialista nada que me pida, á marxe dos meus desexos e inquietudes".
Neste sentido sinalou que está "encantada" sendo a presidenta da Deputación de Pontevedra e que está "moi orgullosa" do goberno que comparte co BNG "que está a revolucionar esta provincia" e aínda que recoñece que se atopa nun "espazo de confort político", o Partido Socialista "pídame o que me pida vai ter o meu 'si', o tívo sempre, en situacións máis ou menos complicadas, máis ou menos positivas persoalmente".