O Concello encargará un estudo para implantar o transporte público a demanda no rural
Por Alejandro Espiño
Mellorar a conexión entre a cidade e as parroquias do rural. É o obxectivo do servizo de transporte público a demanda que estuda implantar o goberno municipal. É un dos proxectos que se incluíu no programa que se presentou á convocatoria DUSI de fondos europeos, pero agora o Concello decidiu aceleralo.
O BNG comprobou que as dúas federacións de veciños que participaron no proceso de confección do orzamento municipal, do mesmo xeito que varios partidos políticos, coinciden á hora de incluír este proxecto entre as súas propostas, segundo explicou o portavoz do goberno local, Raimundo González.
Así, o Concello encargará un estudo externo para analizar as posibilidades para implantar este servizo no rural pontevedrés. "Non temos nada prefixado", explicou González. "Queremos que sexa o máis serio posible e que teña os coñecementos suficientes do noso rural e das súas necesidades", engadiu.
En liñas xerais, o servizo permitirá que aquel veciño do rural que necesite ou queira vir á cidade poida chamar a unha central e concertar o servizo. Este "taxi colectivo", como o describiu o goberno municipal, recollería a varias persoas ao longo dunhas rutas deseñadas para a ocasión, pagando un prezo similar ao do autobús de liña regular.
Trátase dunha idea, lembra o edil do BNG, que funciona con éxito en zonas de Francia e Cataluña e que debe equilibrarse coa existencia de liñas xa establecidas e que xestionan actualmente empresas privadas a través de concesións.
Esta é tan só unha das achegas que se incluirán nun orzamento que se pretende ultimar esta semana. Tras o seu paso polos servizos correspondentes e as respectivas comisións, a intención do goberno municipal é levalo a pleno na primeira quincena de decembro. Para a súa aprobación necesitarán, iso si, polo menos a abstención dalgún partido.
Relacionadas:
-
María Rey votará non ao orzamento por ser "poco participativo, poco ambicioso y poco equilibrado"
Por Alejandro Espiño |
-
Marea avanza o seu "non" ao orzamento municipal: "Son receitas que asumiría Donald Trump"
Por Alejandro Espiño |
-
Lores conta cos taxistas para establecer un transporte público a demanda no rural
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |