Pontevedra ilumínase de azul solidario coa diabete
Por Diego Torrado
Este luns celébrase o Día Mundial da Diabete, unha enfermidade que está considerada pola Organización Mundial da Saúde como unha epidemia mundial. Máis de 200.000 galegos padecen esta enfermidade e, con todo, catro de cada cen persoas afectadas por esta enfermidade descoñecen que son diabéticos.
Por este motivo, Anedia, a asociación de nenos e nenas con diabetes de Galicia, continúa desenvolvendo actividades para visibilizar esta enfermidade. Este domingo organizaba unhas xornadas formativas sobre diabetes e deporte na Casa da Luz, para a última hora da tarde sumarse a unha proposta de lecer co concerto de Os Coribantes e a iluminación de azul do edificio antigo do Concello situado na Praza de España. Alí leuse o manifesto da Federación Galega de Diabete. A cor azul representa o ceo que une ás distintas nacións, e é a cor da bandeira de Nacións Unidas.
Ao longo deste luns, con motivo do Día Internacional da Diabete, os comedores escolares dos centros educativos celebrarán unha xornada de alimentación saudable coa intención de que os menores sexan conscientes da importancia que ten unha nutrición sa para evitar problemas de saúde.
O 14 de novembro celébrase esta xornada coincidindo co aniversario de Frederick Banting quen, xunto con Charles Best, concibiu a idea que os conduciría ao descubrimento da insulina, en outubro de 1921, o tratamento para esta enfermidade.
Este luns tamén van iluminarse de azul os edificios dos concellos de Marín, ás 20.00 horas, e de Bueu, a partir das 19.30 horas.