Mans pontevedresas na reconstrución de Santiago de Cuba tralo paso do furacán Sandy
Por Alejandro Espiño
De Vilagarcía de Arousa a Santiago de Cuba. De traballar na oficina de vivenda e rehabilitación de Carril, Vilaxóan e Vilagarcía, a colaborar na reconstrución da cidade histórica de Santiago de Cuba, gravemente danada tras o paso do furacán Sandy. ÿ a viaxe que emprendeu Sara Besada, unha arquitecta de O Grove que participa nun programa de voluntariado internacional do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
"Cando vin o programa, resultoume realmente interesante e una oportunidade única. Xa coñecía o labor do fondo e a varias persoas que participaron, polo que non dubidei en solicitalo", explica Sara Besada no blog vacacionscontraballoencuba.wordpress.com, no que vai relatando a súa experiencia no país caribeño. En decembro, "e cando xa non contaba con elo", dixéronlle que fora seleccionada "e que nunha semana estaría voando a Cuba".
Durante a súa estadía no país caribeño, Sara Besada está coñecendo de primeira man os proxectos promovidos polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nos últimos anos para mellorar a habitabilidade no casco antigo, principalmente mediante a construción de baños e cociñas, a colocación de cubertas e o arranxo das instalacións eléctricas.
"A situación que está a atravesar Santiago de Cuba nestes momentos é especialmente sensible, pois o paso do furacán Sandy en outubro arruinou, en tres horas, esforzos de moitos anos por recuperar a cidade", comenta a arquitecta grovense, que leva máis de dous anos realizando unha asistencia técnica nas Oficinas de Rehabilitación de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía.
Agarda que súa experiencia en Cuba "sexa do máis proveitosa posible, para min, para eles e para todos aos que poida transmitila". Explica que "as edificacións atópanse en moi mal estado xeral e os recursos económicos da cidadanía e do Estado son moi limitados. Aínda así, a Oficina do Conservador, a través de pequenas accións e mediante proxectos de cooperación e co esforzo propio dos habitantes, resolveu moitos problemas".
Esta arquitecta pontevedresa está a participar tamén na planificación da reconstrución da escola de Cayo Granma, ubicada na área declarada Patrimonio da Humanidade e practicamente destruída polo ciclón. Un proxecto que o Fondo Galego cofinanciará con 18.000 euros grazas á achega extraordinaria dun dos seus socios, o Concello de Vigo.
Coa estadía de Sara Besada en Cuba complétanse as catro viaxes correspondentes á convocatoria 2012 de Vacacións con Traballo, un programa dirixido ao persoal técnico dos Concellos e Deputacións socias do Fondo. A arquitecta municipal de Soutomaior, Cristina Vázquez, e unha técnica de servizos sociais de Malpica, Cristina Santos, estiveron cooperando con municipios caboverdianos, mentres que Lucía González, da Concellería de Termalismo de Ourense, colaborou en Nicaragua coa ONGD Inprhu-Somoto.