Un sábado de reparación da memoria histórica na Deputación
Por Diego Espiño
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acollerá este sábado, 12 de novembro, un acto de reparación da memoria histórica para homenaxear a todos os traballadores da institución represaliados durante a Guerra Civil e a ditadura.
En concreto o recoñecemento céntrase en cinco ex presidentes provinciais (Bibiano Fernández, Amancio Caamaño, Joaquín Maquieira, José Adrio e Maximiliano Pérez) e a dous funcionarios (Ramiro Paz, membro da comisión xestora, e José García Vidal, asesor xurídico).
"Se fai un acto de xustiza máis que de homenaxe", sinalou o deputado de Cultura, Xosé Leal, na presentación da xornada, na que estivo acompañado de familiares de dúas das vítimas, José Luis Adrio (fillo de José Adrio) e Cubana Fernández (neta de José García).
Ambos quixeron facer extensivo a homenaxe "no sólo a mi padre, que fue uno de los fusilados en A Caeira, sino a todos los que sufrieron esta barbarie" e aos homes e mulleres "de toda la provincia que defendieron la libertad, la democracia y la República", defendeu Adrio.
O acto institucional, que se celebrará coincidindo co 80 aniversario do fusilamento en Campañó de dous presidentes da Deputación e un membro da comisión xestora, iniciarase ás 12:30 horas coa colocación dunha placa no xardín do Pazo Provincial, en referencia ao papel que os dous edificios institucionais da Avenida Montero Ríos desempeñaron durante a represión. O actual edificio administrativo foi usado como cárcere e no salón de plenos celebrábanse os consellos de guerra contra as persoas represaliadas.
Precisamente no salón de pleno continuará a homenaxe, cun recordo da xornalista e escritora Montse Fajardo sobre o que supuxeron estes anos na Deputación.
Por último, as asociacións adheridas á Iniciativa Galega pola Memoria celebrarán na sala de xuntas do Pazo Provincial a súa reunión anual.
Ademais, na presentación da xornada Xosé Leal adiantou que en 2017 a administración provincial pretende elaborar un mapa da memoria con lugares craves na represión, no que é "un compromiso coas familias", asegurou o deputado.