A Deputación gastará 1,7 millóns de euros no pintado das vías provinciais
Por Oskar Viéitez
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este mércores un investimento de 1,7 millóns de euros para a mellora de 2.577 quilómetros de sinalización horizontal nas vías provinciais. En total actuarase en 226 estradas, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede de vías de titularidade provincial.
A mellora, segundo dixo o nacionalista, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave.
O plan porase en marcha agora logo de meses de traballo "serio e rigoroso" por parte dos técnicos provinciais de conservación que detectaron un "déficit histórico" que había que solventar.
"Serán cuestións técnicas e non políticas ou partidistas como ata agora as que marquen os lugares nos que actuar. Non se farán melloras pola petición do alcalde de turno", afirmou.
O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que en toda a provincia se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebrados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas. A actuación prevese comezar tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan e, en calquera caso, na primavera do próximo ano, para que as estradas estean en "estado de revista" ao chegar o verán.
Esta semana aprobarase a licitación do plan, que se divide en catro lotes territoriais.
O primeiro lote que se saca a licitación é o das comarcas de Pontevedra, Caldas e O Salnés, que suman 771,8 quilómetros de pintado e supoñen un gasto inicial de (orzamento de licitación) 516.018,49 euros. Actuarase en 71 estradas provinciais.
Relacionadas:
-
Preparan unha nova sinalización para 1.200 quilómetros de estradas provinciais
Por Redacción |
-
A Deputación renovará a capa de rodadura en catro estradas do Salnés
Por Redacción |
-
Rematan o pintado de varias estradas provinciais en Portas e Cuntis
Por Redacción |
-
A Deputación inicia o plan de "lombos" en Marín
Por Redacción |
-
A Deputación comezará este luns día 12 o pintado das estradas provinciais na comarca do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
Vinte empresas optan ao concurso para instalar 600 lombos nas estradas provinciais
Por Redacción |