Unha avaría eléctrica deixa sen servizo durante horas ao ambulatorio Virxe Peregrina
Por Oskar Viéitez
Unha avaría no sistema eléctrico producida de madrugada no ambulatorio Virxe Peregrina de Pontevedra deixou sen servizo durante horas a este centro de atención primaria.
Durante algunha fase da reparación da incidencia eléctrica, procedeuse ao apagado de todos os sistemas do edificio arredor das 9,30 horas, o que condicionou provisionalmente o funcionamento dos sistemas informáticos e a área de raios do centro, entre outros servizos.
Así mesmo, persoal do centro notificou dita incidencia puntual aos usuarios en tempo real, coa colocación de carteis informativos e tamén con presenza de persoal de servizos xerais na porta do centro, que mantivo durante a mañá a vacinación antigripal e certas consultas de saúde provisionalmente sen apoio informático.
Ao mediodía a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés confirmou a normalidade asistencial neste centro de saúde.
Fontes do ambulatorio confirmaron que a avaría non produciu incidencias destacables e reiteraron a normalidade asistencial desde o mediodía deste mércores.
Persoal de mantemento do Sergas continuará efectuando novas melloras no sistema eléctrico durante a tarde-noite de hoxe, que se prevé non afecten á prestación asistencial.