A Escola de Enfermería, á espera de ser transferida á Universidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Máis de 215 estudantes cursan Enfermería na Escola situada nas instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra. Atópanse á espera de que esta escola adscrita á Universidade de Vigo e dependente da Deputación sexa transferida totalmente aos organismos universitarios. Así o confirmaba o director da Escola de Enfermería, Miguel Ángel Piñón Cimadevila, esta mañá durante a visita da presidenta da Deputación, Carmela Silva e da delegada responsable Eva Villaverde.
Piñón Cimadevila indicou que a folla de ruta xa está marcada para que leve a cabo esa transferencia. A Universidade, apuntou, atópase á espera de que se constitúa o goberno da Xunta de Galicia, que ten previsto desenvolver esta operación de maneira conxunta coas escolas de Enfermería de Ourense e de Meixoeiro, a través da Consellería de Sanidade.
Neste sentido, a presidenta provincial indicou que desde a Deputación seguirán insistindo en que se acometa ese traspaso porque o anterior presidente da Deputación, Rafael Louzán, xa anunciara en 2010 que este cambio de titularidade levaría a cabo en 2013 e, con todo, a situación segue dilatándose no tempo.
En todo caso, Carmela Silva garantiu que continuarán investindo nesta escola, que precisa a mellora dunha das aulas e dunha remesa de computadores e ferramentas. Segundo apuntou o director do centro levan nas instalacións desde 1944 e as instalacións resultan moi calorosas na primavera, polo que precisan dun sistema de aire acondicionado.
Carmela Silva destacou o referente que supón este centro en toda Galicia porque nel tamén se ensina como atender ás vítimas da violencia de xénero. Ademais tamén apuntou que leva moitos anos utilizando a linguaxe inclusiva.