O PP asegura que o Concello de Poio ten facturas pendentes de pago por máis de 600.000 euros
Por Redacción
O voceiro en asuntos económicos do grupo municipal do Partido Popular en Poio, Juan José Rodríguez Grandal, trasladou a "preocupación" do seu grupo polas advertencias recollidas nun informe de Intervención de 25 de outubro sobre o elevado importe de facturas pendentes de pago por falta de crédito, por un importe total de 613.917,71 euros.
Rodríguez Grandal subliñou tamén a "dureza" do informe, que se refire ó "inminente risco de insuficiencia" de crédito para gastos corrientes e o esgotamento do crédito en diversas partidas tanto para gastos como para investimentos.
O informe, segundo desvela o edil do PP, tamén recorda en varios puntos a necesidade de solicitar a Intervención un informe previo á tramitación de facturas de máis de 1.500 euros e censura que en Poio o procedemento non se segue.
Rodríguez Grandal tamén di que o informe advirte que as facturas por importes superiores ós 1.500 euros só son admisibles en determinadas circunstancias (gastos urxentes e imprevisibles, ou contratos xa existentes, ou luz, teléfono...) e que evidentemente non se corresponden coas facturas que se presentan, o que motiva que se poñan reparos "por omisión de procedemento", algo "ao que o Concello de Poio tennos demasiado acostumados".
Rodríguez Grandal subliñou que o informe solicita "transparencia, planificación e o uso de novas ferramentas electrónicas" por parte do concello e os seus provedores, e ademais chama a adoptar, con carácter urxente, "medidas de xestión de gasto como reducir as actividades municipais ás mínimas obrigatorias".
O concelleiro popular apunta tamén que o servizo de intervención fai fincapé nas infraccións que poden cometer os responsables municipais e posibles consecuencias das mesmas en caso de comprometer gastos e ordenar pagos sen crédito suficiente, prácticas que os populares levan anos denunciando.
Relacionadas:
-
O PP amosa o seu malestar polas "irregularidades" na facturación do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Poio defende a xestión "totalmente transparente" da súa Festa do Mar
Por Redacción |
-
A intervención municipal do Concello de Poio alerta do "risco inminente de insuficiencia de crédito"
Por Oskar Viéitez |