Carmela Silva sobre a vitoria de Trump: "Que se pare o mundo, que eu me baixo"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A vitoria do republicano Donald Trump nas eleccións norteamericanas, que lle converterán no cuadraxésimo quinto presidente de Estados Unidos, provocou a reacción da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
"Que se pare o mundo, que eu me baixo", escribiu no seu Facebook a máxima responsable política da provincia ás 07.45 horas deste mércores 9 de novembro, despois de aguantar ata as 04.00 horas seguindo o escrutinio dos votos. "Non o podía crer", afirmaba esta mañá para manifestar a súa sensación de tristeza e de asunción dos resultados. " A xente vota e hai que asumilo, pero a miña incomprensión é total", manifestou.
A presidenta provincial mostrou a súa gran preocupación porque un político "populista, misóxino, racista, machista, sen discurso nin proxecto para os Estados Unidos e para o mundo" gañase estas eleccións.
Carmela Silva convidou a facer unha reflexión aos demócratas do mundo porque entende que Donald Trump non é partícipe dos principios básicos da democracia. E tamén chamou a unha análise destes resultados aos progresistas e militantes da esquerda para estudar que está a pasar no mundo para que "xente como Donald Trump adquira o respaldo da cidadanía. Algo estamos facendo todos mal".
Ademais, a presidenta da Deputación lamentou que se perdeu a posibilidade de que unha muller gobernase por primeira vez unha das potencias máis grandes do mundo. "Eu sigo sendo optimista e creo que remataremos gobernando. Non será tan pronto, pero será", concluíu.