Así quedou a poxa municipal de coches e locais comerciais
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra adxudicou este luns por algo máis de 192.000 euros tres locais comerciais que sacou a poxa.
Trátase dos baixos situados nos números 1 e 3 da rúa Sierra e que albergan dous comercios, de ferraxería e alimentación cunha superficie de 89, 42 e 62 metros cadrados e que se venderon por 81.750 euros, 44.650 e 65.772 euros respectivamente.
De forma provisional á espera de que se concrete o pago os gañadores da poxa son os actuais inquilinos en réxime de aluguer desde 1963, que gozaban dos dereitos de tenteo e retracto, co que podían facerse coa propiedade ofrecendo unha cifra similar á máis alta recibida de forma externa.
POXA DE COCHES
Este luns tamén saíron a poxa seis coches embargados por diversa falta de pagamentos de impostos municipais, pero só adxudicou dous, un Hyndai Atos por 490 euros, e un Peugeot 406 por 1.580, os prezos de saída.
Proximamente convocarase outra poxa para adxudicar os catro restantes: un Daimler Benz por 1.940 euros, un Fiat Stilo (1.380 euros), un Opel Astra (1.630) e un Toyota Corolla, valorado en 1.020 euros.