Barcos que se converten en paxariñas
Por Alejandro Espiño
A creatividade pontevedresa parece non ter límites. O último exemplo achégao, por agora, un curioso proxecto que dúas mozas emprendedoras acaban de presentar. Trátase de Paxaretas, unha colección de paxariñas de madeira reversible, que demostraron ser un complemento de moda con estilo, identidade e sobre todo orixinalidade.
"Estabamos a buscar crear complementos diferentes e viramos as paxariñas de madeira pero o que atopabamos non nos convencía", explica Conchi García a PontevedraViva. Xunto coa súa compañeira, Inma González, decidiron apostar por "algo que nos identificase" e preguntando aos seus achegados deron coa idea adecuada: o mar.
"Ás dúas encántanos o mar, a nosa terra vive diso e é algo co que se identifica moita xente", sinala esta emprendedora. "É o que nos rodea e como sempre está ligado a algo basto e rudo queriamos levalo ao outro extremo".
Así, a súa primeira colección é unha edición limitada de inspiración mariñeira a partir de madeiras reutilizadas, algunhas delas recuperadas de barcos antigos e danados.
"Empezamos con restos de madeiras que nos gustaban, pero o noso carpinteiro tivo que cambiar a cuberta danada dun barco e pensamos que podería ser unha boa idea aproveitar todo ese material", aseguran as súas creadoras.
Conchi e Inma quixeron que Paxaretas fora especial. As súas paxariñas son produtos feitos a man-desde o tratamento mesmo da madeira-. Ademais, integran outro tipo de materiais relacionados co mar, son pezas numeradas e contan cunha historia detrás de cada unha delas. E sobre todo, son froito dun traballo colectivo.
Querían que os seus complementos "servisen para ir de traxe ou en vaqueiros" e por iso, ademais de facelas reversibles, "ocorréusenos poñerlle deseños". Todos están relacionados co mar: cartas de navegación, escamas de peixes, animais mariños, remos ou faros na costa, entre outros motivos.
Os deseños desta colección foron creados para a ocasión por artistas locais e ao longo de todo o proceso colaboran carpinteiros, tatuadores, redeiras, mariñeiros, deseñadoras de moda, deseñadores gráficos, patronistas ou modistas. Todos eles meteron nesta colección, que recibe o nome de "Xente de mar", todo o seu saber, a súa destreza e a súa arte.
Ademais, Paxaretas ofrece un produto elaborado e mequeiro, no que todo está pensado para sorprender. Tanto que mesmo o seu envoltorio está inspirado na mesma temática mariñeira que as súas paxariñas: para ter unha delas nas nosas mans "hai que pescala, abrirlle a boca a un peixe e tirar da sedela ata quitar o anzol", resume Conchi.
Por agora, o seu único punto de venda é a tenda Carnaby de Pontevedra, aínda que estas dúas aventureiras traballan xa para poder distribuílas por toda España. E visto o visto, seguro que moi pronto -seguindo o símil mariñeiro- arribarán con éxito nalgún outro porto.