Entran ao recinto do colexio dos Praceres e levan o bolso que unha empregada tiña no coche
Por Natalia Puga
A Policía Nacional abriu unha investigación para aclarar un roubo con forza rexistrado este luns no recinto do colexio Sagrado Corazón dos Praceres, na parroquia pontevedresa de Lourizán, no que uns descoñecidos levaron o bolso do coche dunha das empregadas do centro.
Fontes policiais confirmaron que a Comisaría Provincial de Pontevedra recibiu o aviso polo ocorrido sobre as 9.30 horas deste luns. Desde o centro relatáronlles que un vehículo entrou no recinto do colexio aproveitando que a porta estaba aberta para que accedese outro coche que si estaba autorizado e actuou de forma moi rápida para perpetrar o roubo.
Un ocupante do citado coche baixou, achegouse a un vehículo que estaba estacionado, fracturoulle o portelo e levou un bolso que estaba á vista no interior. A continuación, marchou a toda velocidade por onde chegara.
O vehículo afectado resultou ser dunha empregada do centro, pero a última hora da mañá deste luns aínda non formalizara a denuncia na Comisaría, de modo que se descoñece que levaba dentro do bolso subtraído.