Por San Martiño volven as verbenas ao corazón de Bueu
Por Redacción
Coa escusa de que se trata dun lugar máis resgardado do frío, o Concello de Bueu decidiu trasladar para a Praza Massó, no corazón da vila, as verbenas das festas de San Martiño que antes se celebraban nas Lagoas. Porque este ano o o goberno local é quen as organiza ante o cansazo da anterior comisión de festas.
Segundo resumiu o alcalde, Félix Juncal, a programación festiva é "variada, diversa e dirixida a compartir en familia".
As actividades comezarán o xoves cun magosto organizado polas Anpas do municipio, que será na Praza Massó a partir das 17.00 horas.
O venres é o día de San Martiño e haberá pasarrúas da Banda de Música Artística de Bueu, un campionato de trompos no parque de Ramal dos Galos (11.00 horas), xogos tradicionais e merenda nesta mesma praza a partir das 16.30 horas e o II Maratón Fotográfico. A misa solemnena honra ao patrón de Bueu será ás 12.30 horas, cantada pola Coral Polifónica Marusía e seguida de procesión. A primeira verbena estará amenizada polas orquestras Miramar e Pontevedra e será a partir das 19:30 horas.
O sábado arranca cos pasarrúas de Moita Marcha e co Maratón Fotográfico na categoría de adultos. O parque do Ramal dos Galos acollerá desde as 11.00 horas un taller de debuxo impartido polo ilustrador Marc Taeger, e pola tarde, neste mesmo lugar celebrarase unha gynkana. Haberá misa na honra a San Roque e cantada pola Coral Polifónica de Bueu. A verbena será a cargo das orquestras Xacobeo e Iris.
A xornada do domingo 13 celébrase a Carreira Pedestre San Martiño, para as 17 horas está programado no Ramal dos Galos un concerto de música africana do grupo Mbolo Mooye Doolé e a última verbena na Praza Massó será con Distrito 77.